Ó primeiro Cumio da Terra, o celebrado na cidade de Río de Xaneiro (Brasil) da que tomou o seu nome, sumáronselle 10 anos e converteuse en Río + 10. Aquela xuntanza significou un acontecemento histórico, xa que se instaurou un sistema de entendemento mundial para o desenvolvemento sostible, concibindo a protección ambiental como algo indivisible dos procesos de desenvolvemento. E é que, conscientes de que o ritmo de utilización crecente dos recursos non vivos (minerais, enerxéticos), pero sobre todo dos vivos non renovables (fragas, auga), auguraban o seu esgotamento en breve prazo, advertiuse a urxencia de atopa-la maneira de mante-lo nivel de vida actual ou incluso melloralo, sen pór en perigo a súa continuidade no futuro. En definitiva, era preciso dar coa fórmula para seguir medrando de xeito sostible. E para responder a esta necesidade aprobouse o documento Axenda 21, que quixo se-la plataforma sobre a que se desenvolvesen e apelasen Estados e organizacións ó teren que afrontar cuestións ambientais e de desenvolvemento de modo integrado a nivel mundial, nacional e local.
Para iso adoptáronse importantes instrumentos internacionais como a Convención de Diversidade Biolóxica e a Convención Marco sobre Cambio Climático, que obrigan ós Estados que o ratificaron a desenvolveren medidas de política e lexislación en aspectos considerados estratéxicos no nivel global. Pártese da idea de que os Estados teñen o dereito soberano de aproveita-los seus propios recursos, pero tendo sempre presente que non deben dana-lo medio natural doutros Estados. Subscríbese, ademais, a premisa de que hai que elimina-la pobreza e reduci-la disparidade entre os niveis de vida de todo o mundo para logra-lo desenvolvemento sostible, e para acadar este obxectivo outórgaselle á muller un papel activo e imprescindible.
O Cumio de Johannesburgo
O Terceiro Cumio sobre Desenvolvemento Sostible persegue que o ano 2002 marque, como xa fixo Río, un novo paso no compromiso e actuacións.
Búscase:
Un anovado espírito de cooperación, equidade e co-responsabilidade entre o Norte e o Sur con respecto ó futuro do planeta.
Solucións prácticas ás limitacións que a pobreza, o consumo e os impactos negativos da globalización lle impoñen ó desenvolvemento humano.
Un fortalecemento da cooperación internacional no tocante ó medio natural e ó cambio climático, a través dos tratados ambientais multilaterais e da transferencia de tecnoloxías sostibles.
A ratificación e execución, dentro dun período determinado, dos tratados ambientais multilaterais que xa existen, así coma o fortalecemento e a activación efectiva dos mecanismos financeiros destes acordos.
Sólidas políticas macroeconómicas a favor do crecemento, unha distribución máis equitativa das riquezas e unha boa administración gobernamental, como requisitos previos para a participación do sector privado na cooperación internacional polo desenvolvemento sostible.
Recomendacións sobre accións concretas e medibles para a utilización sostible de recursos e servicios ambientais como a enerxía, a auga, os océanos e a biodiversidade.
A presencia da sociedade civil
Un trazo particular do Cume de Río + 10 é que se considera como o primeiro cumio multisectorial organizado a escala mundial. Amais de políticos, participan nela grupos sociais que teñen a opción de defenderen e aprobaren definicións sobre temas ambientais. Esta innovación busca fortalece-las accións que aplican os tomadores de decisións a nivel nacional e rexional nun mundo onde a sociedade está cada día máis implicada. Dentro deste contexto, as ONG e outros sectores participantes esperan, discuten e conclúen accións específicas en cuestións como auga doce, fragas, seguridade alimentaria, océanos e costas, así como temas transversais que inclúen subsidios, biodiversidade e áreas protexidas.